4 jun 2012

Día Mundial do Medio Ambiente

Neste día Mundial do Medio Ambiente, dende Esquerda Unida, queremos lembrar que é necesario trocar o modelo produtivo e de consumo para poder avanzar tanto cara á sostibilidade social como ambiental.

Quecemento global, acidificación dos mares, cénit do petróleo... todo isto son indicadores de que rebasamos a capacidade do planeta para soportar a nosa actividade. O crecemento económico contínuo é unha imposibilidade física que os defensores do actual sistema económico parecen non ter en conta. Debemos camiñar cara a unha reducción do consumo de materias primas, polo menos no chamado “primeiro mundo”, que é, aínda na actual situación de crise económica, o principal consumidor de recursos do planeta. Nada menos que o 80% dos recursos son consumidos polo 20% da poboación mentres que lle deixamos soamente o 20% á imensa maioría, ao restante 80% de seres humáns que viven en condicións cando menos precarias.

E nestas condicións, coa inmensa maioría da poboación mundial sumida na pobreza, actualmente necesitaríamos case dous planetas para satisfacer as necesidades humanas ao ritmo actual de consumo.

Por iso dicimos que é necesario desenvolver un novo modelo político, económico e social que se adapte aos límites do planeta e isto non é posible se deixamos o rumbo da economía nas mans do mercado. Os mercados o único que contemplan é a obtención de beneficios, o demáis é prescindible.

Implantación das enerxias renovables, reducción das emisións de CO2, reducción do consumo de derivados do petróleo, peche das centrais nucleares, consumo racional da auga, respecto ao territorio, conservación da biodiversidade... todas estas cuestións todos sabemos que son imprescindibles para o coidado do Medio Ambiente. Pero a realidade é que a estes problemas soamente se lles poñen parches, porque a implantación de medidas que realmente atallaran o problema confrontarían diretamente cos intereses do capital. Esa é a realidade. Por iso decimos: o capitalismo é incompatible co medio ambiente. Cambiemos xa o sistema. Canto máis tarde peor.

No hay comentarios: