17 feb 2014


Enerxía, materiais e socialismo





O xoves 13 de febreiro,  no Ateneo de Ourense, os nosos compañeiros Manolo Peña-Rey e Juan José Guirado interviñeron  nun acto titulado “Enerxía, Materiais e Socialismo. Por que a crise da enerxía reafirma o lema socialismo ou barbarie?”



Peña-Rey fixo unha introdución ao debate sobre os  límites do crecemento, un tema que comezou a tomar forza a principios dos anos 70 coas aportacións, entre outros, do informe Meadows e de grandes economistas como Georgescu-Roegen. Destacou que pese ao escaso interese que lle veñen prestando ao problema os políticos, economistas e medios de comunicación, os datos científicos xa non deixan marxe para a dúbida: dende os anos 80 o noso consumo de recursos e a nosa emisión de residuos superan, con moito, a biocapacidade de rexeneración do planeta; unha realidade que esixe actuar de inmediato.



Pola súa parte, Juanjo Guirado falou da importancia dos  límites da dispoñibilidade de enerxía en todas as civilizacións humanas. Explicou que os cambios tecnolóxicos e de modo de producción non son máis que “fuxidas cara a diante” intentando superar os rendementos decrecentes. O capitalismo é ata agora a última etapa de desenvolvemento das sociedades humanas na súa loita por superar eses rendementos decrecentes. Esta fase toca a súa fin. Os límites están aquí mesmo. Fronte a esta situación, xa non son viables as saídas baseadas na intensificación (límites termodinámicos das solucións tecnolóxicas, e límites humanos da explotación laboral)  nin na expansión (límites planetarios). As saídas son necesariamente anticapitalistas, cooperativas e decrecentistas.



Tanto nas conclusións finais das dúas aportacións, como no posterior debate no que participaron os asistentes, quedou claro que resulta vital afrontar o problema da insustentabilidade do noso sistema produtivo e a necesidade do decrecemento de recursos materiais e enerxéticos. A proposta máis viable neste momento para superar o previsible colapso do sistema non é outra que o socialismo. As solucións non van xurdir do que Guirado define como “buenismo”, meras saídas individuais e, por forza, ineficaces. Cómpre reforzar política e socialmente a idea do público e da cooperación, asumindo as responsabilidades de forma colectiva, único xeito de poder artellar un cambio de modelo radical e cada vez máis urxente.


Prantexaba moi oportunamente un asistente no debate final, que neste país ninguén fala do problema dos límites. Efectivamente, pese ás preocupantes evidencias dos límites biofísicos e enerxéticos do planeta,  non se pode negar que practicamente todo o mundo segue apelando, coma un mantra, á volta ao crecemento. Os nosos compañeiros quixeron responder deixando claro que dende a esquerda, cando menos, estamos aquí poñendo en dúbida os dogmas do falso progreso e sinceiramente preocupados por un tema moi grave que cómpre afrontar. Non hai tempo que perder nesta difícil  encrucillada, por iso a visión socialista está a prantexar con seriedade propostas realistas intentando que a cidadanía tome conciencia e se esforce na procura dunha saída viable. Agora, só fai falta é que a xente se sensibilice coa problemática e actúe en consecuencia.



No hay comentarios: