3 jul 2010

Chamamento ó Encontro de Ecoloxía.

Bases ecoloxistas para unha sociedade con futuro.

Asociacións ecoloxistas, organizacións políticas e numerosas persoas facemos un chamamento á sociedade galega que se senta comprometida coa ecoloxía e o medio ambiente para que contribuamos, en conxunto, a buscar camiños que nos permitan ir falando e construíndo propostas e estratexias para abordar a crise ambiental desde unha perspectiva transformadora.

Chamámosvos a acudir ao Encontro de Ecoloxía a celebrar en Santiago o 2 de outubro de 2010 convocado baixo o lema Bases ecoloxistas para unha sociedade con futuro.

A actual situación de crise ecolóxica, económica e social abriu numerosos interrogantes sobre a viabilidade e capacidade do sistema capitalista para atopar unha saída á mesma que non prexudique a amplas maiorías sociais.

Pero desgraciadamente, tamén mostrou a incapacidade dos movementos sociais e as organizacións políticas transformadoras, que pretenden superar este sistema depredador, para convencer a unha ampla maioría da sociedade de que ofrecen alternativas cribles tanto políticas como organizativas, e esta situación está facilitando unha nova volta de porca neoliberal que só pode empeorar as cousas.

Para facer fronte a esta situación e como primeiro paso para acadar a colaboración entre as distintas organizacións sociais de Galicia, Esquerda Unida, xunto con outras organizacións e persoas comprometidas co medio ambiente, a ecoloxía social, a economía ecolóxica e a ecoloxía política asumen impulsar este Encontro de Ecoloxía expondo unha reflexión e debate colectivos dentro dun proceso de refundación da esquerda que pretende superar e transcender as organizacións políticas actuais.

Como a realidade organizativa da esquerda é complexa faise necesario ir abrindo carreiros polos que camiñar xuntos para interpelarnos mutuamente durante este proceso de refundación da esquerda, con interese e expectación nestes primeiros pasos, recoñecendo que as iniciativas son aínda parcialmente confusas, nalgunhas formulacións algo contraditorias e seguramente insuficientes en varios de aspectos. Por iso chamamos a unha gran participación, a expor o maior número posible de propostas, a debatelas con respecto mutuo, a atopar as coincidencias, a situar as discrepancias no lugar xusto que se recoñecen pero sen estorbar á marcha colectiva, e extraer experiencias e conclusións que nos permitan continuar avanzando no proceso porque entendemos que a superación da crise ecolóxica e social só se conseguirá mediante cambios radicais no modelo de produción, distribución e consumo.

Propomos cinco grandes bloques para efectuar o debate e a reflexión pondo sobre a mesa cuestions e preguntas que nos facemos e moitas veces fixéronllenos ás organizacións políticas transformadoras dende os movementos sociais, e que é necesario esclarecer para proxectar a posible construción de alternativas tanto dende o punto de vista estratéxico político como dende a acción cotiá. Trátase de:

  1. Recoñecer a dimensión da crise ecolóxica e definir os criterios subsecuentes para dirixirse cara a un mundo sostible.
  2. Propor criterios políticos xerais que poden resultar imprescindibles. (Por exemplo: redución do consumo enerxético un x %).
  3. Definir as posibilidades e limitacións que ten a acción institucional cando se trata de camiñar cara á sustentabilidade.
  4. Establecer que podemos ir facendo á marxe das institucións para crear espazos e redes que nos permitan ir camiñando cara á sustentabilidade.
  5. Avanzar cara unha maior protección lexislativa e social de todos os animais, converxendo co resto de sociedades europeas e mundiais e desterrar o maltrato e uso dos animais en forma de espectáculos e festividades.
  6. E en todo caso, ¿cal debería ser o papel dunha organización política transformadora, cal o dos movementos ecoloxistas, e como debería ser a relación entre ambos espazos?

Chamamos a participar intensamente neste Encontro de Ecoloxía xa que o avance e intensificación das saídas reaccionarias á crise anticipan un futuro próximo complicado, represivo e cheo de inxustizas que vai ter cada vez máis no punto de mira ás persoas e movementos críticos e alternativos. Busquemos fórmulas de entendemento, pero non nos demoremos moito en atopar converxencias e sinerxías para a acción e a organización.

11 comentarios:

ESPELLO VERMELLO DE RON dijo...

O camiño principia así, recoñecendo que disgregados non podemos. E logo, xa reunidos, seremos quen de ir poñendo as poldras para sortear o río do capitalismo que nos leva directo ao baleiro.

Casdeiro dijo...

Grazas polo convite a participar. Espero que poidamos continuar o debate por medio dos nosos blogs ata un vindeiro encontro. Eu xa publiquei no meu blog o texto que levei ao foro, como base para o debate.

Secretaría de Medio Ambiente - Esquerda Unida dijo...

Grazas, botareille un vistazo ao texto, e por suposto que podemos ir debatindo. Temos que ir preparando o seguinte.

Casdeiro dijo...

Ben, pois xa que logo usarei este blog para continuar cos temas que quedaron no tinteiro no Foro presencial.

En xeral coincido con moitas das apreciacións que fixeron os compañeiros da mesa e o público, e limitareime a salientar algúns desacordos ou aprofundar en certos comentarios meus que vexo non dei explicado ben.

Casdeiro dijo...

E antes de comezar gustaríame convidar a aquelas persoas que asistiron, nomeadamente a aquel home que falou ao comezo do debate pero que tivo de marchar antes de eu ter tempo para responderlle, a que se inscriban na rede social activista galega http://Sementeira.org para irmos sementando, colaborando, aprendendo en común a construír unha Galiza nova desde abaixo, sen agardarmos máis. É preciso e é urxente.

Casdeiro dijo...

Unha das cuestións básicas que quedei sen tocar e que despois saiu na exposición de Ángel Culebras e nalgún comentario entre os asistentes... foi a do dereito ao traballo. Di Culebras que sen traballo non existe ningún outro dereito humán. Eu penso que esa concepción nace coa civilización industrial e morrerá con ela.

O traballo (entendido como asalariado) é algo que xa moitos historiadores nos teñen feito ver que é un concepto inoculado na mentalidade dos humildes por necesidade do Capital. Eles eran quen precisaban man de obra para construír o capitalismo, o industrialismo... e por iso millóns de seres humanos durante os séculos XIX e XX abandonaron as súas aldeas e comezaron "traballar". Ata entón non traballaban, non tiñan esa necesidade (obriga, máis que dereito), e só existía o "labor" agrícola, gandeiro, artesán... que era o que lles permitía vivir.

Xa que logo, non estou de acordo en que sexa o traballo o que asegura outros dereitos nin o que debe ser o factor clave da acción da esquerda no mundo post-petróleo.

Outro debate sería tamén que dereitos poden subsistir nese mundo... por mera posibilidade física, pero esa é outra cuestión, e ben dura por certo.

Casdeiro dijo...

Por outra banda Culebras defendía que o problema da fame non é de produción total de alimentos, senón de inxusta distribución.

Non podo estar máis de acordo... polo menos no que foi o inmediato pasado.

A partir duns anos atrás os rendementos marxinais da agricultura industrial están a decrecer, mentres a poboación mundial non deixa de medrar. Isto fai que os alimentos per capita, mesmo na teoría, nesa distribución irrealmente igualitaria que implica sacar medias mundiais, cada vez tocan a menos. Están a decrecer. Podemos dicir que tocamos o peak-food, e sobre ese tema hai moitos artigos na WWW analizándoo.

En calquera caso o que é inviable é alimentarmos a poboación que fixo posible o petróleo e o gas natural, sen contar con eles. Porque cando non os houbo o planeta tiña unha poboación varias veces menor e sen eles deberá volvela ter: é lei ecolóxica fundamental, como tentei explicar na miña exposición. Como substitúes esa fertilidade artificial? Como volves dar de comer a toda esta xentiña que estamos hoxe no planeta se non vas poder nin trasportar alimentos dunha zona fértil a outra carente de recursos bióticos? A xente morrerá de fame ou migrará a zonas onde haxa alimento, cos previsibles conflitos.

O discurso tradicional da esquerda de: "hai alimento para todos, só hai que repartilo con xustiza" penso que hai que revisalo con urxencia, porque xa non vai ser así.

Comprerían accións tendentes á redución da sobrepoboación e ao tempo unha viraxe revolucionaria de volta á agricultura orgánica e tradicional, mellorada se cadra con técnicas innovadoras como a Permacultura. Teño debatido con compañeiros da asociación se dá para comermos todos ou non esa combinación e non chegamos a un consenso. Ogallá estea eu trabucado e atopemos a maneira de comer todos cando non haxa petróleo.

Casdeiro dijo...

Román (coido que escoitei que o chamou alguén así), o primeiro que abriu o debate tras as exposicións na mesa, dicía que había un gran problema en explicarlles aos traballadores (poñía como exemplo os da Citroen de Vigo) que se tiñan que adaptar ao futuro, que dicir non ás subvencións para mercar coches, etc.

A cuestión é crítica, efectivamente. E temos moi poucas expectativas de lograla explicar, por iso a miña teima en que perdamos pouco tempo tentándoo, e máis creando as redes de resiliencia ás que terán que acudir eses e outros traballadores cando inevitablemente o sector industrial do automóvil e derivados morra xunto co petróleo e coa mobilidade elefantíasica que padecemos hoxe en día.

Eu explicaría a ese traballador que o sector ten os días contados e que mellor estarían eses cartos metidos nunha reconversión e formación para empregos non consumidores de recursos esgotables, ou para facilitar unha volta ao rural para que desexar, etc.

Cando non imos poder evitar unha cousa só nos queda dedicir que facer coas nosas forzas (e cartos e enerxía): teimar no imposible ou prepararnos para resistilo e sobrevivir.

Casdeiro dijo...

Os asistentes de Salva o Tren (magnífica e sen dúbida necesaria iniciativa) sacaron varios temas a relocir na súa intervención que quedei con mágoa de non poder contestarlles:

Dicían que un atranco á necesaria acción municipal que eu propoñía como opción estratéxica para a esquerda, era a supeditación dos alcaldes ao que lles ordeaban os seus partidos, cando gobernaban en instancias superiores. Certo é que ese problema existe. Xa que logo parece claro que haberá que apostar polos concelleiros máis independentes, os que non teñan que cumprir disciplinas de partido en contra do futuro do seu concello ;-)

Casdeiro dijo...

O representante de Salva o Tren dicía que é preciso convencer aos gobernantes. Eu diría que non se moleste, que adique as súas forzas a outra vía de acción, porque os gobernantes nin queren escoitar nin aínda que escoiten os vai facer baixar da burra do seu beneficio a curto prazo e despois de min o caos...

Dicía que o coche eléctrico non era solución porque aínda non tiña un custe competitivo para as prestacións que ofrece. Entristeceume ver esa visión tan ortodoxa vindo de xente coma eles. Hai que asimilar que hai que vivir sen coche (eles dicían que en Galiza é imposible; non o é, e menos o vai ser cando o prezo pohibitivo da gasolina os faga quedar case todos aparcados). E se o coche eléctrico é algo criticable é principalmente porque é un malgasto de enerxía e materiais e porque prolonga o mito do coche e da mobilidade esaxerada.

Dicía que non é posible o trasporte de mercancías co motor eléctrico e aí trabúcase, pero non serei eu o que defenda a imposible reconversión de milleiros de camións a motores eléctricos, algo claramente delirante cando se comproba e escala e custo enerxético da operación.

Casdeiro dijo...

Dicían tamén os de Salva o Tren que o goberno fai todo o posible para acabar do rural, que lle é un estorbo e un gasto...

Non digo eu que non queiran eliminar xente de alí coa ollada posta en deixar o campo libre (nunca mellor dito) para a instalación de empresas que o exploten... pero coido que sería algo errado, pois o retorno poboación masivo ao campo é algo inevitable tras o Teito do petróleo.

Desde logo a política que se segue hoxe en día parece seguir o obxectivo que apunta Salva o Tren, e iso provocará que cando queiran volver moitos ao rural teñamos grandes atrancos e atopemos un campo desertizado.

E finalmente criticar que demanden da esquerda ofertas competitivas, darlles alternativas reais á xente. Se iso vai na onda das prestacións do coche eléctrico que comentaban... mal imos.

A esquerda caracterízase por primar a cooperación sobre a competencia. Esquezamos esa palabra xa que logo, do vocabulario básico para a Nova Revolución que precisamos. Non podemos facer ofertas xogando coas reglas do mercado capitalista, porque son as súas regras e porque o xogo vai rematar e sería pouco intelixente meterse nel con tan malas cartas a piques de rematar a partida. Preparemos as nosas cartas para xogar o novo xogo da vida despois do capitalismo, en troques, e afortalemos as únicas solucións que van existir cando esas bonitas ofertas de serea do capitalismo xa non existan, sexan invaibles por mero imperativo termodinámico.