20 nov 2010

Esquerda Unida oponse á creación de novas autovías en Galicia, así como á ampliación da Ponte de Rande.

Dende Esquerda Unida e de acordo co Programa de IU Federal para as Elecións Xerais de 2008, manifestamos a nosa oposición á construción de novas autovías tales como as proxectadas A-57 (Barro-Ponteareas), A-59 (Vilaboa-Peinador) así como á ampliación da AP-9 que supoñería a ampliación da Ponte de Rande. A creación destas infraestruturas sería unha nova agresión ambiental contra o noso territorio que ademais ocasionaría graves prexuízos sociais nas vilas afectadas e non solucionarían os problemas de transporte, pois España é o estado europeo con mais km. de asfalto tanto en termos absolutos como en relación ao número de habitantes ou vehículos.

No contexto actual Esquerda Unida considera que o cénit do petróleo que aboca ao eminente colapso da subministración de cru e a consecuente crise enerxética obriga a desenvolver un cambio substancial nas políticas de transporte.

O transporte por estrada, é o medio maioritario, xa que move o 80% dos pasaxeiros e o 90% das mercancías emite máis do 20% dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes do cambio climático. Por iso, agora que xa é unha evidencia a gravidade do cambio climático imponse a necesidade de desenvolver unha nova mentalidade en materia de transporte. Neste sentido, a construción de novas autovías non soamente non contribúe a reducir as emisións de GEI, se non que promove o seu incremento dado o coñecido efecto chamada. É dicir, a maior dispoñibilidade de vías de asfalto, maior número de desprazamentos.

Por todo isto, Esquerda Unida rexeita á creación de novas autovías en Galicia así como a ampliación da ponte de Rande e no seu lugar propón o investimento na mellora dos servizos públicos de transporte. Neste sentido é de destacar a importancia do tren de proximidade, enerxéticamente catro veces máis eficiente no transporte de mercadorías e cinco no transporte de pasaxeiros, con respecto ao transporte por carretera. Por outra banda, tamén consideramos imprescindible a adopción de políticas territoriais encamiñadas a reducir a necesidade de desprazamentos da poboación, como o achegamento das administracións e servizos ás vilas.

Dende EU tamén queremos manifestar o noso rexeitamento á creación de novas vías de alta velocidade e capacidade en Galicia, a esixencia da mellora dos servizos públicos de transporte, e o noso apoio ás reivindicacións das distintas plataformas que se están opoñendo á creación destas novas infraestruturas así como á loita da plataforma Salva o Tren en contra da desaparición de estacións de tren e do desmantelamento das vías do tren normal agora en desuso.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Tamén debérades incluir expresamente o desdobramento do corredor do Morrazo, proxecto tremendamente destrutivo amparado por unha ilegal resolución que obvia o estudo de impacto ambiental asinada por Justo de Benito Basanta, Secretario Xeral de Calidade Ambiental e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Xunta de Galicia