O pasado 25 de decembro foi publicado en Rebelión un artigo de Manuel Casal Lodeiro titulado: “Es urgente que la izquierda comprenda las implicaciones del Cénit del petróleo”. Neste moi interesante artigo, Manuel Casal expón a absoluta dependencia de todo o noso sistema produtivo dos combustibles fósiles e as dificultades (fala de catástrofe civilizatoria) ás que nos enfrontaremos a causa desta dependencia pola inminente redución do petróleo dispoñible. Esta redución da dispoñibilidade de petróleo faría imposible manter os actuais ritmos produtivos o que levaría ao colapso ás distintas economías nacionais.
A causa disto, propón que a esquerda debe cambiar de estratexia e principios para anticiparse ao colapso civilizatorio que se producirá en consecuencia e mesmo pon en cuestión as loitas polo emprego e polas pensións. Propón en troques, que a esquerda, “sin esperar más a asaltar ningún palacio de invierno”, se converta en “neorrural” e que comece a construír “desde abajo, múltiples y heterogéneas alternativas autogestionadas de vida simple, orgánica y local”.
Non serei eu quen discuta os datos aportados por Manuel Casal, e mesmo podo dicir que comparto con el a idea da absoluta necesidade de reducir o consumo de combustibles fósiles e mesmo de chegar a eliminalo por completo se iso fora posible. O que non podo compartir é a maneira que el propón de enfrontarse ao problema.
O rexeitamento sen máis da tecnoloxía acadada a través dos séculos polo home, suporía un retroceso histórico que a esquerda non pode de ningunha maneira aceptar. ¿Estamos dispostos, por exemplo, a renunciar aos avances tecnolóxicos sen os que a medicina moderna sería imposible?. Por outro lado, a proposta de simplemente adoptar modelos locais de autoxestión é unha proposta que nun principio pode parecer boa pero que prantexa moitos problemas. ¿Se integrarían tódalas comunidades humanas ao mesmo tempo a ese modelo?, porque mentres quedara unha gota de petróleo, as comunidades que mantiveran o seu carácter tecnolóxico estarían en superioridade de condicións con respecto ás comunidades “locales autogestionadas”, que quedarían totalmente indefensas ante as agresións que sen dúbida, e máis nun período de escaseza, se producirían por parte das sociedades tecnolóxicas. Por non falar do que podería acontecer nunha zona concreta ante un período climatolóxico desfavorable que dera ao traste coas colleitas. ¿Volvemos á Idade Media?. Esta suposta solución levaríanos á mesma situación de decrecemento traumático, de fame e miseria, da que supostamente nos quere salvar.
Propón tamén que “la izquierda debe abordar este radical cambio de escenario con urgencia, revisando estrategias e incluso principios hasta ahora sagrados, como el derecho al trabajo asalariado o el protagonismo de una clase obrera condenada en su mayor parte a reconvertirse de nuevo en clase agraria”. Esquece aquí que a esquerda ten que dirixirse á clase traballadora que existe agora mesmo, que será rural ou industrial dependendo das zonas.
Tamén critica as reivindicacións sindicais e da esquerda de redución do tempo de traballo e de reclamación de subidas salariais e de pensións xa que o ritmo produtivo actual será imposible sen petróleo. Volve a esquecer que a loita dos traballadores debe orientarse en función das actuais condicións, non das que se poidan dar nun futuro, e é evidente que actualmente sobran horas de traballo socialmente necesario (polo menos nos países industrializados), horas de traballo que soamente serven para engordar o capital duns poucos.
A esquerda ten que ser a vanguarda dos desposuídos, pero tampouco unha vanguarda tan adiantada que se perda de vista da masa, porque entón deixa de selo e se converte nun grupiño con moi boas ideas pero incapaz de transmitir a súa mensaxe ao conxunto da sociedade.
Con petróleo ou sen el, os capitalistas, a clase dominante, van a seguir intentando obter beneficios sexan cales sexan as consecuencias. O único actor social cun potencial suficiente para plantar cara ao sistema produtivo capitalista é o mesmo que foi sempre: a clase traballadora. Chegados a este punto, sería un erro non apoiar a loita da clase traballadora polos seus intereses. É certo que a loita sindical sen unha orientación política, necesariamente se ve intoxicada polas concepcións capitalistas e adopta posicionamentos capitalistas, cousa que polo que parece é precisamente o que acontece. Tamén é certo que parece que os traballadores conscientes da súa condición de clase, a pesares das agresións do capital, non son aínda maioría. Bastante empeño puxeron as clases dominantes en ir destruindo esa conciencia ao longo dos anos. Pero para iso está a esquerda precisamente, para axudar aos traballadores a recuperar esa conciencia que finalmente leve á clase traballadora á hexemonía (tamén hai que dicir, á vista dos resultados, que non o debemos estar facendo moi ben). Soamente entón se poderán prantexar políticas alleas aos intereses do mercado, planificar democraticamente a produción, decidir democraticamente que produtos son necesarios e cales prescindibles e cambiar os modos de produción de maneira que camiñemos cara un decrecemento do consumo das materias primas.
Evidentemente o conxunto da esquerda ten moito que aprender e moitos obstáculos que superar. Como sempre, as clases dominantes non van a consentir a perda dos seus privilexios sen presentar batalla e de momento van gañando. A esquerda ten que ser capaz de dar resposta as novas condicións e para iso debe estar disposta a escoitar novas propostas e dende logo a cuestión do cénit do petróleo é algo a ter moi en conta. Pero o que non pode facer de ningunha maneira a esquerda, é adoptar posicionamentos que desactiven a loita de clase.
Fuente: Rebelión
Es urgente que la izquierda comprenda las implicaciones del Cénit del petróleo
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=119266
No hay comentarios:
Publicar un comentario