28 feb 2011

Esquerda Unida apoia á Plataforma Contra a Incineración de Residuos constituída en Xinzo de Limia


Esquerda Unida participou este sábado 26 de febreiro de 2011 en Xinzo de Limia, nun acto organizado pola plataforma "Na Limia Non" que tiña por obxecto intentar deter o proxecto de instalación dunha incineradora con vertedeiro asociado no corazón da Comarca.

A pesar do pouco tempo co que contou para organizar a movilización, a participación veciñal foi notable, e os grupos e asociacións que acudiron ao chamamento foron abondos. Afortunadamente, a cidadanía é cada vez máis consciente dos enormes perigos que esconden estas instalacións, e non están dispostos a arriscar a súa saúde e o futuro da súa comarca a cambio de catro traballos insanos e mal pagados.

Nesta ocasión, ao mesmo tempo que lles manifestamos aos organizadores o noso apoio, quixemos facer fincapé na nosa mensaxe de que a solución ao grave problema dos residuos non consiste en darlle prioridade á simple eliminación, e moito menos en inmensas instalacións de difícil control. Ademais, quixemos deixar constancia de que a incineración é a última das opcións que se deben considerar no tratamento dos residuos. É certo que aínda se utiliza nalgúns países, pero recúrrese a ela despois dun intenso proceso de recuperación e reciclaxe, dende logo moito máis ambicioso que o recollido no Plan de Residuos da Xunta. Nada que ver, por suposto, coas ridiculas porcentaxes de recuperación que pode amosar Sogama a día de hoxe.
Tamén quixemos deixar claro que a xestión de residuos debe ser pública e orientada exclusivamente aos beneficios sociais e ambientais, considerando que nunca debería rexer o criterio da rendibilidade económica nuns temas tan esenciais como a protección da saúde dos habitantes e a protección medioambiental.

Aínda que a errática política en materia de residuos do actual goberno galego non permita coñecer con certeza se Xinzo será o lugar elixido para ubicar a incineradora, Esquerda Unida amosa a súa total disposición a participar activamente en calquera movilización que se organice dentro da provincia de Ourense coa fin de evitar a instalación deste tipo de incineradoras ou doutras macroplantas de tratamento equivalentes.

EU Ourense

No hay comentarios: