6 dic 2011

Oposición á Sogama do Sur de Galicia


Dende Esquerda Unida xa manifestamos a nosa oposición ó Plan de Residuos da Xunta. A instalación dunha pranta de incineración de residuos no Concello de O Irixo é o froito dunha xestión tradicionalmente obsoleta e irresponsable que veñen observando os distintos gobernos da Xunta de Galicia.

Nunca se insistirá bastante nas consecuencias negativas deste tipo de instalacións. Son moi custosas; requiren transportes a grandes distancias trasladan a pobos pequenos os problemas xerados nas zonas máis ricas e manteñen a invisibilidade social dun problema que todos temos que afrontar dunha vez. Ademais, son difíciles de xestionar e controlar: recordemos os verquidos e os escándalos de Sogama. Tampouco xeneran tanto emprego como prometen, sendo as condicións de traballo que ofrecen tremendamente insalubres, precarias e mal pagadas. Para colmo, desfavorecen o salto á dinámica máis racional e rendible da reutilización, a reciclaxe e a compostaxe, que a día de hoxe amosan porcentaxes insignificantes en Galicia.

Pero os impactos máis graves son os da saúde pública e o medio ambiente. Á incineración provoca emisións de compostos químicos perxudiciais moi persistentes (dioxinas altamente canceríxenas, furanos…), e incrementa o volume de residuos gaseosos intratables (CO2, metano…) respecto a outros sistemas de tratamento. A Directiva Europea propón como último recursos no tratamento do lixo a incineración e o vertedoiro, precisamente a solución prioritarias para a administración do PP. A incineración, oculta tras o eufemismo valorización enerxética, nin sequera é rendible económicamente: poñer en combustión os residuos consume máis enerxía da que se se desprende da súa queima.

Os sucesivos aprazamentos ata decidir a ubicación definitiva mostran claramente que buscaban unha oportunidade para evitar o rexeitamento social. Como ven sendo habitual, a crise vai servir para impoñer unha solución inxusta. A promesa sempre incumprida de moitos postos de traballo (para un Concello con pouco máis de 100 desempregados…), e o teórico aforro de cartos públicos grazas á sempre máxica receita da xestión privada, pretenden convencer da viabilidade do proxecto. O Conselleiro de Medio Ambiente non ten inconveniente en xustificar a adxudicación a dedo da construcción e xestión da incineradora a Estela Eólica, sen concurso público nin garantía ningunha. A explicación é que a iniciativa da instalación xurdíu desta visionaria empresa, cuxas expectativas de negocio foron coincidir moi felizmente coa eterna necesidade de desfacerse do lixo na nosa Comunidade. Isto non só resulta tremendamente sospeitoso, é que, ademais, se a iniciativa deste asunto de envergadura saíu dunha empresa e non da Consellería, ¿cal é o papel deste organismo? ¿podémonos fiar dunha administración que improvisa e deixa en mans alleas a solución aos nosos problemas medioambientais máis perentorios?

Para colmo, a opacidade e o talante antidemocrático de todo o proceso son os habituais nestes proxectos, e son comúns para os tres partidos políticos, PP, PSOE e BNG, que tiveron nas súas mans o goberno da Xunta con idénticos (e nefastos) resultados. De feito, os grupos que no seu día constituían o bipartito están a amosar a súa indignada oposición a esta incineradora, pero aínda non explicaron hoxe que tipo de sistemas avanzados e inocuos pretendían aplicar no seu “parque medioambiental” para o tratamento do lixo.

EU lamenta a ausencia de debate público. As declaracións do alcalde de O Irixo, xactándose de que só tres persoas na provincia coñecían a ubicación da pranta, e de que os veciños que se queiran opoñer “van ter difícil” evitar a súa instalación, resultarían inaceptables nun país con máis tradición social crítica e participativa ca o noso.

Por último, dende Esquerda Unida queremos chamar a atención sobre os tres problemas máis graves que pon de manifesto a instalación desta incineradora.

Primeiro: a redución en orixe e as inversións en programas de reutilización e reciclaxe son a única posibilidade de xestionar de forma ambiental e socialmente sostible o problema do lixo. As solucións de incineración/vertedeiro supoñen un retroceso, unha rareza nun país avanzado.

Segundo: a xestión privada non pode ser a solución porque está interesada en tratar o maior volume posible de lixo. Canto máis enterre e incinere, máis beneficio obtén. O camiño debe ser outro: cómpre reducir a xeneración de residuos e o seu tratamento non pode ter como finalidade o rendemento económico, senón cubrir unha necesidade social. Por iso, e pola necesidade de garantir eficazmente o cumprimento da normativa medioambiental, Esquerda Unida propón a xestión pública do tratamento de residuos.

E finalmente, a divulgación e a participación social, son imprescindibles. Os cidadáns non poden dar a espalda ao problema desfacéndose del, facendoo invisibel. Por outra banda, xa que os cidadáns non tuveron voz na planificación do proxecto, esperamos que teñan interés en informarse e participar activamente nas protestas ata conseguir a paralización da incineradora.



foto: La Región. Monte comunal de S. Cosme (O Irixo), onde posiblemente ubiquen a incineradora

No hay comentarios: