2 abr 2012

Incendio nas Fragas do Eume

EU DENUNCIA QUE A POLÍTICA DOS RECORTES PROPAGA OS LUMES, E DEMANDA UN CAMBIO RADICAL NAS POLÍTICAS FORESTAIS E DE PREVENCIÓN DOS LUMES

YOLANDA DÍAZ RECLAMA UNHA INICIATIVA PÚBLICA PARA RESTAURAR O PARQUE NATURAL E FORNECER A SÚA PROTECCIÓN

Esquerda Unida quere expresar o seu fondo pesar polas catastróficas consecuencias do lume nas fragas do Eume, que deixa en evidencia a pésima política dos recortes de Feijóo, que carga xa no seu debe a devastación dun parque natural que alberga un bosque atlántico termófilo incomparable no continente. A nosa solidariedade para cunha veciñanza que sofre a imprevisión e malas políticas da Xunta de Galicia.

As fragas do Eume pagan o tributo derivado da falla de planificación en materia forestal e apostar polas especies de máis rápido crecemento para a súa realización no mercado. Estes lumes, que semellan intencionados, caen sobre un ámbito físico xa abondo maltratado e pouco aproveitado para desenvolver unha rede de espazos naturais que provean a nosa veciñanza de áreas de lecer conformadas polas especies autóctonas da nosa terra. O lume é un golpe moi duro, a falla de avaliacións definitivas, que se suma aos intereses económicos que firen as fragas do Eume e do Belelle. Os lumes están a causar danos nas áreas da Reserva Natural, e do maior interese natural.

A declaración como parque natural a finais do século pasado dista de terse aproveitado para pular pola súa conservación: non hai a día de hoxe un Plan Rector de Usos e Xestión, nen cun programa forestal, o que produciu o escándalo de sufrir un prograsivo proceso de eucaliptización e ocupación por especies alóctonas.

EU reclama un cambio radical na política da Xunta de Galicia de recortar no eido da prevención dos lumes, antipolítica do PP que esta fin de semana se está a cobrar un ámbito natural sobrasaínte: os recortes nos servizos de prevención, que resultan fundamentais, semellan hoxendía tan equivocados que pedimos a Feijóo que cambie o rumbo e acorde un cambio de 180 graos. Atopámonos con zonas case inaccesibles pola falla de mantemento, ciscunstancia á que hai que engadir a precariedade das traballadoras e traballadores e a falla de medios suficientes.

Incluso a falla de control sobre o caudal do río Eume – afectado pola detracción do auga para encher a mina das Pontes – pode estar a xogar en contra ao reducir a humidade e facilitar así a propagación dos lumes.

EU demanda unha investigación que permita clarexar as causas dun lume cuxas consecuencias catastróficas para un espazo que as persoas de Ferrolterra sentimos propio. Demandar que se persiga e castigue co rigor da lei as posibles derivacións económicas ou do tipo que foran que teñan producido este desastroso lume.

Esquerda Unida vai reclamar unha intervención pública específica da Xunta de Galicia en orde a restaurar as condicións anteriores ao lume das fragas do Eume, que evite calquera alteración do espazo ou especies e que se insira na potenciación dun parque natural cuxo valor como bosque atlántico termófilo semella incomparable no continente. Esta intervención pública ten que planificar a restauración dos espazos afectados polos lumes cunha asignación orzamentaria comprometida suficiente, asemade de elaborar o Plan Rector de Usos e Xestión para dotar de ferramentas útiles de prevención e pulo ao parque natural das fragas do Eume.

No hay comentarios: