2 jul 2012

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA DECEPCIONANTE A RESPOSTA DO GOBERNO SOBRE A SITUACIÓN DO TREN EN GALICIA


O Goberno non garante nin a permanencia de estacións nin a circulación de trens de cercanias.
Despois da interpelación realizada por IU ao Goberno do Estado sobre a situación da rede ferroviaria en Galicia e en concreto na que quedará, unha vez rematada a liña do AVE, o tramo ferroviario entre Vigo e Vilagarcía de Arousa, a resposta recibida dende o Goberno mostra a súa falta de compromiso co desenrolo dunha rede ferroviaria adecuada para Galicia.

Na súa resposta o Goberno manifesta que está en estudio o mantemento das estacións e apeadeiros de Vigo-Guixar, Chapela, Redondela de Galicia, Redondela Picota, Cesantes, Portela, Portas, Catoira, Pontecesures, Padrón e Escravitude. Todas elas, exceptuando a de Portas, actualmente en servizo. Sería o mesmo que dixeran que se contempla o seu peche.

Con respecto a si pola nova liña circularán trens de cercanias, o goberno limítase a responder que “o deseño da infraestrutura prevé a posibilidade de que polas vías circulen trens de cercanias e media distancia”, o que de ningún xeito garante este servizo.

Asemade, o goberno tampouco garante a intermodalidade das estacións, xa que despacha a pregunta ao respecto respondendo que haberá aparcadoiros en tódalas estacións, pero non garante o servizo de autobuses, por non falar da existencia de carrís-bici.

O Goberno do Estado, na súa resposta mostra unha vez máis a súa falta de compromiso co desenrolo dunha rede ferroviaria en Galicia que facilite aos cidadáns de a pé o desenrolo da súa vida diaria. Primando deste xeito unha modalidade, a do AVE, de carácter claramente elitista e malgastando diñeiro público: por cada kilómetro de liña para o AVE poderían construírse sete de tren normal.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida manifesta unha vez máis o seu compromiso coa vertebración do territorio galego mediante unha rede ferroviaria ben desenrolada e de propiedade e xestión pública e o noso apoio a tódalas mobilizacións cidadás neste sentido.

No hay comentarios: