8 sept 2010

Entrevista a Manuel Baldomir, Presidente dos Mariscadores de a Pé de A Coruña.

Debido a degradación que ven padecendo a Ría do Burgo en A Coruña a causa dos vertidos, pescadores, mariscadores e distintos colectivos sociais e políticos constituíronse nunha plataforma para unificar forzas na loita contra esta situación.
Falamos con Manuel Baldomir Presidente dos Mariscadores de a Pé de A Coruña, unha das organizacións que forman parte da Plataforma para a defensa da Ría do Burgo.

¿Fai moito tempo que detectastes este problema?
 
É un problema que existe de moitos anos atrás, pois por desgraza as rías,os mares ,os ríos etc, sempre serviron como sumidoiro onde ían acabar todo tipo de residuos.

¿Tedes feito un reconto dos vertidos contaminantes que afectan á Ría?

As últimas declaracións na prensa, que datan do 8/8/2010,o departamento Augas de Galicia, falaba de 166 puntos de verquido onde 23 son graves (EFE La Xunta ha destacado hoy su "compromiso" en inversiones para la regeneración de la Ría do Burgo, donde Augas de Galicia ha detectado 166 puntos de vertido, 23 de ellos graves, con presencia constatada de emisiones contaminantes). Aínda así, cremos que hai máis pois en ningún momento se nomeou o poboado chabolista como punto de verquido, onde cerca de 500 persoas no verán e 300 o resto do ano, botan os residuos á ría (só faltaba por oír que tivesen rede de saneamento). Aínda hai tres meses e medio que se aprobou o plan de control de verquidos (maio de 2010) que tardará 16 meses en executarse e poderán aparecer aínda máis. Dende a confraría sempre se denunciaron os verquidos e desconfiamos,por desgraza, de que o número siga incrementándose.

¿Estes vertidos son de orixe doméstico, industrial ou proceden de as dúas orixes.?

Industrial e urbano,aínda que parece que os industriais se reduciron, como pode ser o caso de Bunge, Mataderos Conchado,etc.

No manifesto da Plataforma decides que a Ría do Burgo foi declarada zona C pola Xunta de Galicia. ¿Qué implicacións ten isto?.

A paralización para a extracción de marisco. Soamente se podería vender para conserveiras coa repercusión económica que iso nos produciría, pois o produto devaluaríase moitísimo.

¿Actualmente persiste esta situación?.

No gal 05/06 que é a extensión máis grande da ría do Burgo (case 3 veces maior), si existe. No gal 05/05 que a consellería reclasificou coma zona B no mes de xullo de 2010, nós cremos que tamén segue, pois os verquidos por desgraza aínda están aí.

¿Cáles son as medidas que ao voso entender se deberían tomar de inmediato?

A erradicación dos verquidos e o dragado da ría,pois os lodos xa cubriron e seguen a cubrir os bancos de marisco ( cerca do 75 % xa están cubertos e nalgúns puntos alcanzan cerca dos dous metros de altura) e poñen en perigo a flora e a fauna desta enseada.

¿Quén considerades que ten a responsabilidade de acometelas?


Goberno central,autonómico e local.

Recentemente o Goberno de España respostou a unha interpelación parlamentaria feita polo Grupo Municipal de Esquerda Unida Cambre a través do deputado Gaspar Llamazares sobre plazos e actuacións que se farían ao respecto. ¿Cal foi a resposta?.

Nesa resposta,só se falaba de responsabilidades. O goberno de España fará o dragado cando a Xunta de Galicia erradique os verquidos e faga o proxecto de tratamento de lodos, o cal este último está sen comezar e sen intención de facelo. Todo nolo fai crer, polas declaracións do conselleiro Agustín Hernández, que non é competencia da Xunta de facelo, e o Goberno central di o contrario.

¿Cómo vedes o futuro do marisqueo na ría?

Por desgraza, teño que dícir que o sector marisqueiro na ría do Burgo,non ten futuro.

¿Creedes que se conseguirá dar a volta a esta situación a curto plazo?

Para iso estamos a loitar,aínda que a situación é difícil pola falta de vontade política. Xa non só a curto prazo senón que tamén a medio e longo prazo.


¿Poderías decirnos cales serán as vosas próximas actuacións?.

Aínda estamos a barallar posibilidades,pero temos moi claro que seguiremos loitando sexa como sexa e coas trabas que a administración nos vai poñer.


Un saúdo e ánimo co voso traballo.

Un saúdo para ti e moitas grazas.

No hay comentarios: