4 sept 2010

O Goberno de España contesta á pregunta de EU sobre a degradación da Ría do Burgo.

O Goberno de España ven de contestar por escrito a interpelación parlamentaria presentada o 18 de febreiro de 2010 polo voceiro do grupo de Esquerda Unida, Gaspar Llamazares. A devandita interpelación que desenvolveu o Grupo Municipal de EU Cambre segundo as reclamacións e inquietudes dos mariscadores da Ría do Burgo e a Cofaría de Pescadores da Coruña, preguntaba cales eran as medidas e os prazos de actuación que tiña previsto desenvolver o Goberno central para solucionar o grave problema ambiental, sanitario, social e económico que provoca a degradación da Ría do Burgo debido aos constantes vertidos contaminantes que ven sufrindo a ría durante décadas.

A resposta do Goberno central, aínda que tardía, é clara, curta e concisa, pois indica que a actividade de marisqueo é competencia das comunidades autónomas e que o ministerio de Medio Ambiente ten finalizado o proxecto de rexeneración da Ría do Burgo no que se contempla o dragado da ría, pero que non pode comezar a súa execución porque está a espera de dúas actuacións que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia: a eliminación dos vertidos sobre a ría e a elaboración do proxecto de tratamento de residuos.

Diante destas evidencias, Esquerda Unida afirma que a Xunta do PP estase a escudar no Goberno central para no desenvolver as súas obrigas relacionadas co saneamento da Ría do Burgo e así agachar a súa incapacidade e desinterese en resolver o drama medioambiental, social e económico que está a vivir a comarca coruñesa. Queda claro que a Xunta de Galicia ten as súas responsabilidades sen desenvolver, polo que a nosa organización esixe ao Goberno do PP que comece de inmediato as actuacións propias da súa competencia que son necesarias para comezar co saneamento integral da Ría do Burgo e se deixe de escudar no Goberno central, pois non ten sentido dragar a ría se proseguen os vertidos contaminantes, tanto fecais como industriais, e esta sen resolver a xestión dos lodos contaminados que se extraian.

EU considera “moi significativas” as declaracións vertidas a prensa polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, nun acto desenvolvido polo PP no municipio de Olerios. Ante as críticas pola demora no tratamento de lodos que lle fixeron os mariscadores, o conselleiro despachouse indicándolles que estaban nun erro pois esa actuación é “competencia do Goberno de España”. Para Esquerda Unida o Goberno do PP falta a realidade e terxiversa os feitos no seu interese, desviando así a enorme responsabilidade da Xunta de Galicia en relación con está catástrofe medio ambiental e social.

Logo de escoitar as falaces escusas do concelleiro, os mariscadores tiveron que escoitar a Beatriz Mato, quen fora concelleira de Pesca e agora o é de Traballo, que afirmou “Confiad en la consellería”... Non cabe dúbida que o Goberno do PP se está a mofar dos mariscadores e da cidadanía galega en xeral, pois despois de máis dun año de inacción no saneamento da Ría do Burgo, ten deixado ben as claras que o seu único interese sobre a ría é económico, así, pretende comercializar o seu marisco ao custe que sexa, pasando incluso por enriba da saúde da cidadanía, e aínda por riba piden que se confíe neles...


Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

1 comentario:

lito dijo...

Dende aquí quero agradecer a EU Cambre e EU en xeral, por todo o apoio que nos está a dar a os mariscadores da ría do Burgo e mais ao medioambiente que en definitiva e de todos pero moi poucos o repetan e o fan respetar. GRAZAS.