Esquerda Unida de Ponteareas considera que o anuncio do Goberno Municipal de Ponteareas da aprobación por parte de AGADER da construción dun novo tramo de senda polo río Tea, así como da achega á Xunta de Galicia da documentación para a licitación da última fase do saneamento de Xinzo, Arnoso e Areas, non é máis que propaganda electoral.
Por unha parte, dende o concello anuncian a construción dun novo tramo de senda fluvial nun río que está sendo degradado pola existencia de vertidos de augas residuais sen depurar. O goberno municipal di que é para “a posta en valor do patrimonio natural do entorno do río Tea”. Se queren poñer en valor o río, o primeiro que deberían facer é preocuparse de que se manteña en bo estado e eliminar os vertidos. Para isto non vai a axudar o facer unha nova senda que dende logo non suporá ningunha mellora ambiental para o entorno do río, se non todo o contrario dado o impacto ambiental que causará. É unha cuestión de prioridades: o Goberno Municipal prefire actuar no superficial pero visible, neste caso “un paseo moi bonito”, que adicarse a solucionar os problemas de fondo, que son os dos vertidos. O goberno municipal non se empezou a preocupar destes vertidos ata que Esquerda Unida sacou á luz pública a gravidade da situación do río, e agora, despois de ter anunciado fai case un ano actuacións para a súa eliminación, a situación é aínda peor.
Por outra banda, anuncian a licitación da fase final do saneamento das parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas. Dende Esquerda Unida consideramos que estas actuacións son totalmente necesarias, pero que non se pode empezar a casa polo tellado. A día de hoxe o Goberno Municipal non deu ningunha resposta satisfactoria sobre que é o que teñen pensado facer coas augas residuais recollidas polos colectores nestas parroquias. Temos que ter en conta que estes novos colectores suporán un aumento das augas residuais que recibirá unha E.D.A.R. xa ineficiente, por suposto no caso de que non vertan directamente ao rio. Anuncian unha ampliación da actual depuradora pero, aparte de que nós consideramos que serían máis adecuadas outras solucións, dita ampliación é unha promesa no aire, xa que non hai nada licitado ao respecto.
A todo isto se engade o problema da non separación no Concello de Ponteareas das augas residuais das pluviais, o que ven a agravar o problema cando chove. Non debemos esquecer que os problemas dos vertidos que están a afectar ao río Tea están directamente relacionados coa inexistencia dun P.X.O.M. no concello, plan de ordenación que son incapaces de aprobar pola imposibilidade de legalización das aberracións urbanísticas que se levan feito na vila.
Dende Esquerda Unida queremos recordar que esta desfeita ambiental e urbanística é o resultado das nefastas políticas dos gobernos de dereitas, unicamente preocupados polo beneficio económico dos seus amigos, que levan rexindo a vila durante toda a democracia. E antes, claro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario