Varios compañeiros da Área de Medio Ambiente acudiron este sábado á concentración de protesta convocada pola Plataforma Salva o Tren en Vigo, onde o Ministro José Blanco deixou inaugurada a estación provisional de Guixar. O día anterior, a Plataforma xa protagonizara unha acampada en Chapela para amosar o seu rexeitamento ao peche da estación, consecuencia da actual politica do goberno en materia de infraestruturas ferroviarias.
Este colectivo ven loitando infatigablemente dende hai catro anos contra o desmantelamento da rede ferroviaria convencional e esixindo inversións nuhna rede de cercanías vertebradora e socialmente útil. Ese é o motivo de que Esquerda Unida veña apoiando os actos protesta de Salva o Tren, co que comparte reivindicacións non só en canto á esixencia dunha rede de cercanías eficiente con vocación de servizo pùblico, senón tamén polo que supón de crítica ao actual modelo ferroviario de “todo AVE”, pois consideramos que esta versión elitista e despilfarradora do ferrocarril promove a desigualdade territorial, dificulta o acceso ás pequenas localidades privilexiando os grandes núcleos e potencia a desigualdade social ao impoñer unhos prezos inaccesibles para gran parte da cidadanía.
As propostas de EU seguirán insistindo na necesidade dun sistema de transportes vertebrador do territorio e sustentable, e considerando o tren como unha peza clave para acadar ese obxectivo. A consigna escoitada no acto de protesta, “menos autovías e máis cercanías”, expresa perfectamente o desacordo coa política de transportes desenvolvida polos gobernos centrais dende hai moitos anos, que se centran case exclusivamente na construción de grandes infraestruturas (AVE, autovías, aeroportos…), ignorando tanto os inaceptables impactos ambientais que ocasionan como a escasa rendibilidade social que obtén deles a cidadanía.
O fomento e a modernización do tren convencional (longas e medias distancias, e cercanías) é unha das poucas respostas viables que se poden dar para afrontar os problemas de movilidade actuais e no futuro, e por ese motivo estámolo convertendo nunha das demandas prioritarias nas propostas de EU.
No hay comentarios:
Publicar un comentario