15 ene 2012

O enfoque produtivista do borrador da Ley de Montes de Galicia


Dende Esquerda Unida consideramos que o borrador da  Ley de Montes proposto  polo goberno da Xunta de Galicia ten un enfoque case que exclusivamente produtivista centrado na explotación madeireira do monte. Defínese como obxectivo básico o incremento da masa arborada xustificándoo entre outras cousas, porque Europa é deficitaria en madeira. Mesmo  abre a posibilidade de forestar terreos agrarios (art 61), quitando terras dispoñibles para cultivos e alimentación do gando que son cada vez máis necesarias e deixando de lado unha xestión multifuncional do monte (madeira, micoloxía, froitos, pastos, apicultura, paisaxe...) e a agrobiodiversidade. Lei forestal, máis que lei de montes.

Fronte a este enfoque produtivista do Goberno da Xunta de Galicia, dende Esquerda Unida defendemos un modelo de xestion integral do monte. Unha xestión conxunta de flora, fauna e medio físico, coa finalidade de conseguir un aproveitamento sostible dos recursos naturais, establecendo garantías para a preservación da diversidade biolóxica e o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais. A Lei proposta polo pp comete o erro de buscar a solución a un problema complexo atacando só un dos seus factores: o da viabilidade económica.

Ademáis, nesta Ley apenas se menciona a importancia do monte como sumidoiro de carbono nin se fai referencia á conservación e restauración da biodiversidade e os ecosistemas forestais.

As masas forestais xogan un papel fundamental na loita contra o cambio climático pola súa capacidade de captura de CO2,  polo que se debería cuantificar o balance de C02 no territorio para promover o PSA (pago por servizos ambientais).

Débese promover o bosque autóctono, comezando polo incremento das zonas protectoras aproveitando as valgadas e os cursos fluviais, polo seu valor ecolóxico de cara á conservación da biodiversidade. O bosque non é soamente unha masa de árbores, se non un complexo ecosistema onde as árbores son as especies máis visibles.

Dende Esquerda Unida non nos opoñemos ao aproveitamento económico do monte, todo o contrario. Pero este aproveitamento non se debe facer exclusivamente dende a explotación madeireira se non tendo en conta todos os aspectos: ambientais, socioculturais, agrarios etc..., de xeito que se compatibilice o seu aproveitamento económico coa sostibilidade ambiental.

Área de Medio Ambiente
Esquerda Unida

No hay comentarios: