24 ene 2012

E.U. por un mundo rural vivo. Propostas de xestión do monte.


En Esquerda Unida consideramos que a xestión do monte, tendo en conta os múltiples servizos que o monte ofrece á sociedade e a súa función social e económica, debe de priorizar a súa protección ambiental, a tutela da súa dimensión biolóxica.
Os ecosistemas forestais deben xestionarse de xeito integrado. Xestión conxunta de flora, fauna e medio físico, coa finalidade de conseguir un aproveitamento sostible dos recursos naturais, establecendo garantías para a preservación da diversidade biolóxica e o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais.
A xestión forestal debe de integrar todos os aspectos, ambientais, socioculturais, agrarios, etc., que afecten a utilidade social e a sustentabilidade do monte a longo prazo. A Lei proposta polo pp comete o erro de buscar a solución a un problema complexo atacando só un dos seus factores: o da viabilidade económica.


Propoñemos:

Potenciar o Consello Forestal como órgano de participación pública eficaz.
Limitar o aumento de monocultivos de crecemento rápido que prexudican a conservación das masas autóctonas e a biodiversidade. Os Plans forestais (PORF) deben establecer límites físicos e extensións máximas.

Prohibir a introdución de especies de crecemento rápido en zonas ocupadas por masas autóctonas.
Inventario de masas autóctonas en todo o territorio galego e seguimento da súa situación.

Intervención pública máis activa:

  •  Aumentar a superficie dos montes de propiedade pública
  •  Maior intervención nos montes comunais e veciñais: o interese social do monte debe priorizar sobre os intereses mercantís privados.
  •  Política de compensación aos propietarios
  • Incentivos por externalidades (biodiversidade, conservación da paisaxe, captura CO2, conservación de chans, regulación do réxime hidrológico, etc.).
  • Creación de áreas de montes maduros de reserva. Aumento de áreas de montes protectores. Crear microreservas de biodiversidade para determinadas especies. Protección de bosques de ribeira pola súa biodiversidade e a súa utilidade como corredores para conectar ecosistemas.
Sometemento á declaración de impacto ambiental nos cambios de uso do chan. (Evaluac. Ecosistemas del milenio: “el cambio de los usos del suelo el factor que más incide en España sobre la erosión de la biodiversidad.”)

Cuantificar o balance de C02 no territorio para promover o PSA (pago por servizos ambientais).

Promover a multifuncionalidade (madeira, micoloxía, froitos, pastos, apicultura, paisaxe...) e a agrobiodiversidade. Promoción da agricultura e gandería extensivas e das explotacións agrosilvopastorales tradicionais.

Recuperación de usos tradicionais (e coñecementos) na xestión dos ecosistemas (reticulados rurais, bancais, terrazas, sebes, presas.)

Promover actividades de pastoreo ordeadas.

Potenciación de Centros de investigación forestal non orientados exclusivamente á madeira, senón á valoración doutros servizos do monte, á diversificación produtiva.

Fragmentar os monocultivos forestais pirófitos con rodales de vexetación resistente con árbores caducifolios autóctonos que se rexeneran mellor en caso de incendio.

Elaboración de plans de restauración de zonas queimadas.

Aumentar as distancias de seguridade das plantacións de pirófitas e velar polo cumprimento efectivo da norma.

Incremento de investimento en investigación sobre as causas dos incendios forestais e en políticas de prevención. Hoxe os investimentos en prevención son ridículas respecto das de extinción.

Aplicar métodos para combater as pragas que minimicen a utilización de praguicidas, apostando por métodos preventivos e loita biolóxica.

Non considerar as plantacións de eucalipto como unha contribución importante contra o cambio climático (non incluír na contabilidade nacional de emisións): a súa captura de CO2 pode non ser estable (uso da pasta de papel variable e inestabilidade das plantacións).

Área de Medio Ambiente
Esquerda Unida

No hay comentarios: