30 ene 2012

Manifestación no Carballiño contra a incineradora do Sur de Galicia


Esquerda Unida participou onte na concentración que diversas plataformas veciñais, grupos ecoloxistas, partidos e sindicatos organizaron contra a incineradora de residuos proxectada no Irixo. A manifestación, á que asistiron catro mil persoas segundo a Policía Local, rematou cunha concentración fronte ao Concello de O Carballiño.
Despois das movilizacións noutras comarcas ameazadas polo proxecto, como o Ribeiro e Xinzo, e vendo a forza e a amplitude da oposición actual, o goberno da Xunta xa debería ter asimilado que a sociedade galega, moito mellor informada agora que nos tempos de Sogama, non vai consentir unha instalación destas dimensións nin asumir os riscos que conleva.
Esquerda Unida comparte cos grupos ecoloxistas e as plataformas veciñais moitos dos argumentos contra a incineración, pero é preciso sinalar dous aspectos que marcan unha importante diferencia: a nosa proposta de xestión pública dos residuos, e a nosa insistencia nunha redución drástica de xeración dos mesmos. É inaplazable un cambio de modelo produtivo orientado a evitar o consumo insostible de recursos materiais e enerxéticos; un cambio difícil ou mesmo imposible sen unha decidida planificación económica e unha ampla participación social.

Área de Medio Ambiente
Esquerda Unida

No hay comentarios: