7 jun 2012

ESQUERDA UNIDA PARTICIPARÁ NA MANIFESTACIÓN CONTRA A LEI DE MONTES

Esquerda Unida apoia a manifestación convocada pola ORGACCMM o proximo sábado en Santiago de Compostela.

A Lei de Montes que pretende aprobar o goberno do PP na Xunta de Galicia está enfocada dende un punto de vista exclusivamente produtivista. Non contempla a potencialidade do aproveitamento multifuncional do monte nin o seu valor en canto á biodiversidade, definindo como o seu obxectivo básico o incremento da masa arborada. Poderíamos chamarlle lei forestal máis que lei de montes.

Ademáis o borrador da Lei de Montes permite a forestación de terras agrarias. Isto ten especial relevancia nun momento no que a lóxica da soberanía alimentaria e a sostibilidade ambiental nos indican que o camiño a seguir debería ser recuperar a producción agrícola e o comercio local. Isto suporía unha menor dependencia enerxética e alimentaria do exterior ademáis de unha menor cantidade de emisións de G.E.I. causantes do cambio climático.

Por outra banda, o borrador da Lei de Montes contempla tamén a entrada de capital privado coa creación das SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal), que son entidades de dereito privado suxeitas a regulación mercantil. Si a isto lle sumamos o comentado anteriormente da posibilidade de forestar as terras agrarias, nos atopamos con que a verdadeira vocación desta Lei de Montes é poñer os montes nas mans das empresas adicadas á producción de biomasa e de pasta de papel.

Con esta Lei se pretende converter os montes galegos nunha enorme “fábrica de madeira” para o seu aproveitamento por parte das grandes empresas deixando de lado un aproveitamento forestal sostible ambiental e socialmente. Os ecosistemas forestais deben xestionarse de xeito integrado. Xestión conxunta de flora, fauna e medio físico, coa finalidade de conseguir un aproveitamento sostible dos recursos naturais, establecendo garantías para a preservación da diversidade biolóxica e o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais.

Por todo isto, Esquerda Unida chama á cidadanía a participar o vindeiro sábado 9 de xuño na manifestación en Santiago de Compostela convocada pola ORGACCMM.

No hay comentarios: